Monday 29 de April de 2024

Juventino Trigo manten unha xuntanza de traballo na Coruña coa subdelegada do Goberno, María Rivas


O alcalde de Fene, Juventino Trigo, mantivo unga reunión coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para tratar diversos temas relacionados co municipio.

Na reunión á que tamén asistiron a Directora da Área de Fomento, Ana Quintairos; o Xefe de Demarcación de Estradas, Ángel González; o Xefe da Área de Conservación, Francisco Prego; a Concelleira de Seguridade de Fene, Alejandra Permuy; o Concelleiro de Urbanismo e Obras de Fene, Manuel Polo e a Xerente do SEA, Beatriz Sestayo.

O alcalde de Fene e a subdelegada do Goberno na Coruña, trataron os avances no convenio entre o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias e o concello de Fene para a para a supresión do paso indebido do P.K. 33/910 na Liña Betanzos-Ferrol, mediante a construción a pasarela peonil sobre a vía ferroviaria.

En 2022, tras o estudo de alternativas previo, o concello de Fene e ADIF acordaron a opción elixida conforme á análise técnica, consistente nunha pasarela peonil de 14 metros que remata nun dos seus extremos nun ascensor e escaleiras, no canto de ramplas, para minimizar a afección á contorna e as casas lindeiras. Actualmente estase ultimando a redacción do convenio de colaboración previa á aprobación por parte de ambos os organismos.

No ámbito das estradas de competencia estatal, tras a mellora da seguridade viaria mediante a implantación dunha barreira de formigón no eixo da estrada N-651 no tramo das curvas de Santa Ana, nos PPKK 28+300 a 29+170, restableceuse o xiro á esquerda anteriormente existente mediante un carril central a pedimento do concello de Fene. O alcalde de Fene e os representantes da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, confirmaron que con estas actuacións diminuíuse significativamente a accidentalidade neste tramo de estrada que en épocas precedentes foi obxecto de varios accidentes con vítimas mortais.

Na reunión analizáronse as peticións do concello de mellorar o tramo urbano da N-651, ao seu paso polo municipio. O concello de Fene expuxo a necesidade de establecer un itinerario peonil seguro en ambas as marxes da estrada estatal N-651 entre os PPKK 29+200 e 30+100. Neste tramo, na actualidade, non existe unha senda ou plataforma reservada para a circulación peonil de modo que os peóns desta zona ven obrigados a circular pola beiravía.

Adicionalmente tratouse a posibilidade de instalar un novo cruzamento peonil seguro, mediante semáforos con pulsador, na contorna do actual cuartel da Garda Civil (PK 29+420 aprox.) así como avanzar na tramitación do proxecto de implantación dunha nova glorieta no PK 29+160, no tramo das curvas de Santa Ana. Pola súa banda, a Demarcación de Estradas estudará estas necesidades e propostas municipais, a fin de poder articular, conxuntamente co Concello de Fene, as posibles actuacións de mellora de seguridade viaria nesta zona.

Tamén examinaron a situación do novo Centro de Saúde de Fene, que ten pendente a cesión de terreos por parte do SEPES, e a resolución e finalización da segunda fase do Polígono Industrial de Vilar do Colo.
Neste sentido a Xerente de SEA – SEPES, Beatriz Sestayo, informou ao concello de Fene a disposición para acordan vías de colaboración para a cesión de terreos de SEPES co fin de interese xeral para o concello de Fene. Dentro de esta colaboración cobra especial protagonismo o estudo de cesión de terreos para a ampliación do centro de saúde de Fene, a tal efecto a Xerente de SEA propuxo manter unha reunión cos veciños e veciñas afectados por dita ampliación.

A representante de SEA trasladou tamén que levan tempo na recuperación das vías esquecidas dende hai anos, a fin de identificar o chan da Empresa Pública Fene, tanto par uso industrial como para uso de vivenda, impulsando tamén a urbanización da mazá Q do polígono industrial que a entidade pública ten no concello de Fene; nese senso a avanzouse información sobre os pasos dados para resolvelo, entre outros, a identificacións das débedas existentes entre as administracións e as actuacións pendentes na zona de delimitación.
De cara a seguir avanzando na resolución definitiva, propuxo que as actuacións se fagan a través de protocolos ou convenios de colaboración, e tamén invitar ao concello de Cabanas a que se sume naqueles temas que sexan afectados, como no caso do polígono industrial de Vilar do Colo.

Finalmente o alcalde de Fene, Juventino Trigo e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, acordaron manter un seguimento dos asuntos tratados na reunión, co obxectivo de ir avanzando na súa resolución.